Address:   Home Page

Provincia de Ourense

Na Galipedia, a wikipedia en galego.

Provincia de Ourense
Capital Ourense
Área 7273 km2
Poboación 336.002
Densidade 46.19 hab./km²
Concellos 92
Xentilicio Ourensán, Ourensá[1]

Índice

[editar] Datos xeográficos

Lista de concellos de Ourense

[editar] Localización

Provincia sur-oriental de Galicia e a única sen litoral marítimo. Limita, a saber:

[editar] Superficie, demografía

A provincia de Ourense ocupa 7.273,26 km². Neles, vive unha poboación de 336.002 habitantes (INE 2008). Como resultado, Ourense ten unha densidade de poboación duns 46,2 hab/km²; moi lonxe da media galega. Perto dun terzo da poboación provincial vive na actualidade na capital.


Evolución da poboación de: Provincia de Ourense desde 1900 ata 2006
1900 1930 1970 1981 2000 2006
2008 404.311 426.043 415.862 411.339 345.241


[editar] Localidades importantes

Excepto o da capital, ningún dos concellos provinciais acada os 15.000 habitantes. A lista ordenada dos máis importantes nos inicios do ano 2007 era a seguinte:

Concellos máis poboados (2007)
Posición Concello Poboación
Ourense 107.186
Verín 13.991
Ficheiro:Escudo O Barco de Valdeorras.jpg O Barco de Valdeorras 13.943
O Carballiño 13.838
Xinzo de Limia 10.022
Barbadás* 8.685
Celanova 6.150
Ribadavia 5.494
O Pereiro de Aguiar* 5.487
10ª Allariz 5.506
11ª A Rúa 4.905


  1. Compre sinalar que Barbadás e O Pereiro de Aguiar están na área de influencia da capital, sendo atribuíbel o seu lugar na lista a funcionaren como lugares dormitorio de persoas con traballo naquela.

[editar] Orografía

Valgada do río San Lázaro, Macizo Central ourensán

É unha provincia cunha altitude media non moi elevada, pero moi montañosa.

As terras, sitas no Oeste da provincia, nos límites con a provincia de Pontevedra e de Lugo, atópanse dentro da Dorsal galega, é dicer, o sistema montañoso occidental da Galiza, con serras como a do Suído ou a do Faro de Avión, que poden acadar nas súas cotas máximas alturas de arredor de 1.000 m: Coto da Puza con 1035 m., Marcofán de 939 m, Uceiro de 1003 m, Alledo 1013 m, atinxindo o punto máis alto no propio Faro de Avión con 1.155 m. Son materiais moi antigos, fundamentalmente graníticos, cortados por fracturas por onde corren os ríos (Arenteiro, Cea, Avia, etc.), que conforman os vales. O aspecto de conxunto é macizo e serve de divisoria entre os ríos mencionados e as cuncas do río Ulla, Oitavén, Tea (este afluente do mesmo Miño), ao tempo que actúa como unha primeira barreira fronte a influencia atlántica, mais a súa altura relativamente baixa e os vales transversais non impiden o paso das chuvias, aínda que as atenúan.

A zona centro-oriental é moito máis accidentada, presentando maiores altitudes. Estas atinxen nos puntos máis altos nas serras que limitan con as provincias de León e Zamora: serra da Enciña da Lastra (Tara, 1099), serra do Eixe (Pena Trevinca, 2.127 m, o punto máis elevado da comunidade), serra Segundeira, serra Calva (Montouto, 2045 m). No centro domina o Macizo Central ourensán, no que se desenrolan unha serie de serras en disposición radial, de menor altitude, pero que facilmente poden superar os 1.500 m: Cabeza Grande (1778 m), serra do Invernadoiro-Queixa (Seixo, 1707 m), serra de San Mamede (San Mamede, 1618 m). Este relevo foi orixinado en boa parte polos movementos tectónicos do Neoxeno, formándose como consecuencia, no só alzamentos, senón tamén depresións, más ou menos amplas e máis ou menos altas, que as veces poden aparecer como amplas foxas. Así no Leste temos a depresión do Bolo; ao Norte e Oeste do val Sil-Miño - que pode abrirse en amplitude e escalonarse, como a de Ourense -; no Sur, a Limia, o Val de Maceda e o val de Verín.

Polo Sur, os mesmos fenómenos tectónicos aludidos, crearon outra serie de serras de distinta orientación (Oeste-Leste), que teñen unha menor altura, pero superior á das serras occidentais, e que dificultaron, tradicionalmente, a comunicación con Portugal, salvo pola depresión de Verín: serra do Xurés (Nevosa, 1539), serra do Larouco (Larouco, 1525 m), serra de Penas Libres (Mairos, 1083 m), serra da Esculqueira (Penedo dos Tres Reinos, 1025 m.)

[editar] Hidrografía

Tramo do río Arnoia

A provincia ourensá vese percorrida por infinidade de ríos. Deles, o máis importante é o Miño, recén afluído o Sil neste, nun punto do límite coa provincia de Lugo.

Hidrograficamente a provincia de Ourense está dividida en tres cuncas: a do Miño, a do Limia e a do Douro. A cunca do río Miño ocupa unha boa parte da provincia: 4837 km² ( da que corresponden á subcunca do río Sil 2545 km²); a do Limia ocupa nesta provincia 1395 km²; por último, as bacías dos ríos cuxas augas acaban no Douro abranxe 1.117 km².

O Miño ten unha parte pequena do seu curso dentro dos límites provinciais: entra á altura dos Peares e abandonaos en Cortegada de Miño. Aparte do Sil, os seus afluentes principais son o Búbal e o Avia pola dereita, e o Loña, Barbaña, e Arnoia pola esquerda. O Sil, que como é sabido é o afluente principal do Miño, ocupa máis da metade da cunca miñota na provincia, e desde logo na confluencia de ambos, nos Peares, amete maior caudal, facendo bo o refrán: "O Miño leva a fama, e o Sil a auga". O Sil entra na provincia, procedente do Bierzo, pola freguesía de Covas, no concello de Rubiá, ocupando unha posición central na depresión do Valdeorras. Desde os seus confíns serve, na maior parte do seu curso, de límite con a provincia de Lugo, ata Os Peares, punto de unión con o Miño. Os seus afluentes principal é, sen dúbida o Bibei (97 km), que drena augas das serras máis elevadas da provincia: Macizo Central, serra do Eixe, serra Segundeira, por medio do Xares, Camba, Conso e Navea, principalmente.

O Limia forma de por sí unha cunca independente, pois vai dar directamente no Atlántico, formando o estuario de Viana de Castelo, en Portugal, onde transmuta o seu nome como Lima. O río Salas, que aflúe pola súa esquerda, é o máis importante tributario.

Varios ríos acaban co as súas augas no Douro, en Portugal; o máis importante é sen dúbida o Támega, que ten unha lonxitude total de 145 km, superior á da maioría dos rios galegos; o seu afluente máis importante é un segundo Búbal. O resto dos ríos durienses teñen un curto percorrido dentro da provincia, e os máis destacábeles son o Mente e o Diabredo, que a final son subafluentes do Douro, por intermedio do Tuela.

A maioría destes ríos teñen un réxime fluvial de tipo oceánico; os seus máximos de caudal son invernais, como corresponde ao clima atlántico dominante; mais o Sil e os seus afluentes, por mor do montañoso das súas cuncas, gozan de réxime nivo-pluvial, prolongando os máximos caudais durante a primavera, debido ao dexelo.

Con frecuencia o percorrido montañoso encaixa os ríos, obrigándoos a moverse entre bordes de gran pendente, o que ten creado algunhas das paisaxes máis fermosas da provincia, como son os diversos cañóns do Sil (o de Covas, na súa entrada en Galiza, ou o comprendido entre Quiroga e os Peares). O cambio de materiais do solos orixinou as veces potentes fervenzas, das que cabería destacar a do río Cenza, nese pequeno afluente do Bibei. Por outra banda nesas mesmas vertentes o aproveitamento agrícola, ao tempo que axudaba a fixar as ladeiras, axudou ao embelecemento paisaxístico con a construción de socalcos escalonados, polo normal plantados con videiras. Isto é observábel, dentro dos límites provincias, nas ribeiras do Bibei, á altura do encoro do Vao, ou ben no curso do Miño entre os Peares e a cidade de Ourense.

Esta riqueza hídrica fixo que se construísen encoros por todos lados, asulagándose con frecuencia alguns dos vales máis ricos da provincia, o que non deixou de provocar protestas en pleno franquismo, sendo destacábeles as provocadas polo embalsamento do río Xares en Prada, no concello de A Veiga, a fins dos anos 50, e as da presa de Castrelo de Miño, sobre o Miño, no Ribeiro, a comezos dos 60.

[editar] Clima

Climaticamente a provincia de Ourense, como toda Galiza, pertence ao tipo oceánico, caracterizado en liñas xerais por temperaturas suaves ao longo de todo o ano - con máximas estivais e mínimas invernais -, e precipitacións tamén durante todo o ano - con máximos invernais e mínimos estivais -. Porén non é o clima da costa (este mesmo ten sido cualificado de hiper-húmido na súa zona sur). A posición interior do territorio ourensán, e a existencia dun relevo elevado, propicia diferencias, carecendo por outra banda de homoxeneidade en toda a provincia. Basicamente distínguense catro zonas climáticas ourensás:

[editar] Dominio oceánico de transición

Aparece na zona noroccidental da provincia. Sen que chova como na costa, as precipitacións acadan valores en torno aos 1.500 mm, as temperaturas medias anuais, que ostentan o menor gradiente térmico da provincia, son suaves, acadando entre 12 e 14ºC de media. Os veráns poden calificarse de frescos, pois non se atinxen nen os 20ºC de media. As precipitacións anuais andan arredor dos 1.500 mm, pero hai unha certa aridez estival. Un exemplo é Seoane, no concello do Carballiño:

Seoane
1931-1960 xan feb marz abr mai xuñ xull agost set out nov dec TOTAL
Temp. media (°C) 5,1 6,4 8,4 10,4 12,6 15,7 17,9 17,6 15,7 12,4 7,8 5,5 11,1
Precipitacións (mm) 204 151 185 110 98 50 27 38 57 129 176 199 1423

[editar] Dominio oceánico continentalizado

Corresponde á zona meridional da provincia: depresións da Limia e do Támega. As temperaturas medias anuais están entre 10º e 11ºC, e as precipitacións sobre 900 mm anuais. Porén as temperaturas invernais son frías, con abundantes días de xeadas, mentres a seca estival, con alto déficit de precipitacións, pode durar ata catro meses. Este dominio enlaza con o da meseta central lucense, pero está rota a continuidade rómpese nos vales do Sil-Miño. Os datos básicos do clima de Xinzo de Limia poden mostralo:

Xinzo de Limia
1931-1960 xan feb marz abr mai xuñ xull agost set out nov dec TOTAL
Temp. media (°C) 4,5 4,9 7,8 9,2 12,2 15,2 17,5 17,7 15,2 11,2 7,8 4,9 10,5
Precipitacións (mm) 94 94 119 67 74 51 20 24 52 93 99 134 921

[editar] Dominio oceánico-mediterráneo

Esténdese polos vales do río Miño e do Sil, desde o Ribeiro ao Valdeorras, incluíndose a depresión da capital. A flora, e mesmo os cultivos dominantes, testemuñan o influxo mediterráneo. Son os países do viño. É a zona máis seca da Galiza, con medias de insolación superiores a 2.500 horas/ano e precipitacións por embaixo dos 800 mm. As temperaturas medias anuais rondan os 14º, con veráns calorosos (é doado atinxir e superar os 40º en días estivais), mais os invernos, polo aillamento dos vales, son fríos, con frecuentes néboas e xeadas. Un exemplo pode ser a mesma cidade de Ourense:

Ourense
1931-1960 xan feb marz abr mai xuñ xull agost set out nov dec TOTAL
Temp. media (°C) 6,9 7,7 10,8 12,6 16,0 19,4 22,1 21,4 19,2 14,7 10,0 7,7 14,0
Precipitacións (mm) 90 78 99 56 62 42 17 20 43 89 95 128 818

[editar] Dominio oceánico de montaña

Basicamente corresponde ás zonas provinciais das serras do Macizo Central e as serras orientais (Eixe, Segundeira). As precipitacións acadan os valores da Galiza costeira nos 1.000 m. de altura, atinxíndose 1.500 mm ou máis. En cotas máis altas supéranse esas cifras. No inverno, as temperaturas medias mensuais poden caír por embaixo do 0ºC. Un exemplo pode ser Mesón de Erosa, a 900 msnm, no concello de A Gudiña:

Mesón de Erosa
1931-1960 xan feb marz abr mai xuñ xull agost set out nov dec TOTAL
Temp. media (°C) 3,6 4,2 7,2 8,8 12,0 15,3 17,8 18,0 15,5 11,5 7,7 4,4 10,3
Precipitacións (mm) 157 127 155 120 168 73 13 40 93 124 204 200 1474

[editar] Zonas bioxeográficas

Souto de Rozabales e castiñeiro de Pumbariños

A provincia de Ourense, pertence á zona bioxeográfica Eurosiberiana, como o resto da Galiza, pero a súa situación especial fai que se atope en transición entre a provincia Atlántica daquela, e a provincia Carpetano-Ibérico-Leonesa que xa forma parte da rexión Mediterránea. Esta zona de transición comprende tamén parte da provincia de Lugo.

A flora está marcada por especies típicas mediterráneas: aciñeiras, sobreiras, érbedos, que mesmo poden formar matos boscosos nas partes máis meridionais e orientais da provincia. A especie típica da flora galega o carballo (Quercus robur), presente na parte occidental da provincia, está substituído no Centro-Sur e Oriente provincial polo carballo cerquiño, que nas comarcas máis orientais denominan rebolos. Nos ríos os amieiros, bidueiras e salgueiros, típicos da provincia Atlántica, conviven nas beiras dos ríos e outros lugares húmidos, con choupos, que son máis mediterráneos. A vexetación degradada, aínda con predominio de toxos e xestas, nas zonas occidentais da provincia, ve xurdir grandes extensións de uces, que tinxen de morado ou branco, abas enteiras dos montes, recobrando a cor amarela a grande altura con os piornos. Aparecen tamén plantas aromáticas, típicas da garriga e do maquis mediterráneo: estebas, lavanda, cantroxo ou azaia (Lavandula pedunculata), tomiño, ourego, etc.

A intervención humana mudou a paisaxe boscosa, introducindo eucaliptos, piñeiros e, desde moito máis antigamente, o castiñeiro. Mais entanto o eucalipto está reducido ás terras baixas occidentais, o piñeiro está adaptado en todo a provincia, aínda que a certas alturas medra con dificultade. O castiñeiro forma masas boscosas relativamente estesas en concellos do Macizo Central, como Chandrexa de Queixa ou A Pobra de Trives, mentres noutros son soutos maiores ou menores.

A fauna, consecuentemente, pode contar con especies tanto atlánticas como mediterráneas. Mentres a velenosa víbora de Seoane (Vipera seoanei) está espallada ata o Norte de Galiza, outras especies de répteis prefiren medios máis cálidos, polo que son relativamente abundantes nesta provincia, entre elas cabe indicar a outra cobra venenosa galega a víbora fociñuda (Vipera latasti). Varias son as especies emblemáticas en perigo, como a perdiz charrela (Perdix perdix) propia das alturas, que ten o límite meridional de expansión precisamente na serra do Xurés.

[editar] Zonas protexidas

Canón do Sil

A provincia conta con varias zonas de protección ambiental, con distintas calificacións:

Parques Naturais:

Os dous primeiros son tamén Zonas de Especial Protección de Aves ou ZEPA.

Monumentos Naturais:

Lugares de Importancia Comunitaria (LIC):

Estes dous últimos lugares están en trámites para seren declarados parques naturais.

Asimesmo está prevista a declaración de LIC, neste ano de 2007, para:

Galicia | Provincia de Ourense

Allariz | Amoeiro | A Arnoia | Avión | Baltar | Bande | Baños de Molgas | Barbadás | O Barco de Valdeorras | Beade | Beariz | Os Blancos | Boborás | A Bola | O Bolo | Calvos de Randín | Carballeda de Avia | Carballeda de Valdeorras | O Carballiño | Cartelle | Castrelo de Miño | Castrelo do Val | Castro Caldelas | Celanova | Cenlle | Chandrexa de Queixa | Coles | Cortegada | Cualedro | Entrimo | Esgos | Gomesende | A Gudiña | O Irixo | Larouco | Laza | Leiro | Lobeira | Lobios | Maceda | Manzaneda | Maside | Melón | A Merca | A Mezquita | Montederramo | Monterrei | Muíños | Nogueira de Ramuín | Oímbra | Ourense | Paderne de Allariz | Padrenda | Parada de Sil | O Pereiro de Aguiar | A Peroxa | Petín | Piñor | A Pobra de Trives | Pontedeva | Porqueira | Punxín | Quintela de Leirado | Rairiz de Veiga | Ramirás | Ribadavia | Riós | A Rúa | Rubiá | San Amaro | San Cibrao das Viñas | San Cristovo de Cea | San Xoán de Río | Sandiás | Sarreaus | Taboadela | A Teixeira | Toén | Trasmiras | A Veiga | Verea | Verín | Viana do Bolo | Vilamarín | Vilamartín de Valdeorras | Vilar de Barrio | Vilar de Santos | Vilardevós | Vilariño de Conso | Xinzo de Limia | Xunqueira de Ambía | Xunqueira de Espadanedo

[editar] Referencias

[editar] Ligazóns externas

Páxina da CRTVG sobre a provincia de Ourense

Galicia en progreso: Este artigo é, polo de agora, só un esbozo. Traballa nel, especialmente se vives neste sitio, e contribúe a que a Galipedia ofreza a mellor información posíbel sobre o noso país. Pódeche resultar útil ver outros artigos sobre Galicia ou consultar o nomenclátor oficial.
Your Ad Here