Address:   Home Page

Illas Sisargas

Na Galipedia, a wikipedia en galego.

Arquipélago das Illas Sisargas
Santo Adrián e as Illas Sisargas

As illas Sisargas son un arquipélago galego sito no Océano Atlántico en fronte a Malpica en plena Costa da Morte formado por tres illas, Sisarga Grande, Sisarga Chica e Malante, que pertencen ao concello de Malpica de Bergantiños, na provincia da Coruña.

Índice

[editar] Xeografía

A distancia menor á costa é de 0,750 km. As súas coordenadas xeográficas son 43º22' / 43º21' latitude N e 5º9'40 / 5º8'30 lonxitude W, segundo os extremos que se escollan. A distancia ao punto máis próximo á costa é de 0,750 km (Sisarga Chica-Cabo de Santo Hadrián). Distan uns 35 km da cidade da Coruña, sita máis a Leste, pero na mesma latitude; da capital municipal, Malpica de Bergantiños, a distancia é de aproximadamente 1 km. O grupo disponse a xeito dun L invertido e xirado, sendo a Sisarga Grande a máis occidental e septentrional; Malante ocuparía a posición central e angular; en tanto a Sisarga Chica, tamén denominada Atalaxeiro ten a posición meridional. Unhas doutras sepáranse por estreitas canles de mar (Canal de Estádiga entre as dúas primeiras; Canal de Esteirón, entre a Malante e a Chica). A máxima elevación pertence á Sisarga Grande con 92 m sobre o nivel do mar.

[editar] Fauna

A importancia das Illas Sisargas está nas súas colonias de gaivota escura (Larus fuscus), gaivota tridáctila (Rissa tridactyla), paíño europeo (Hydrobates pelagicus) e arao dos cons (Uria aalge), aves escasas en Galiza e na península ibérica e que teñen aquí unha das súas maiores colonias. Ademais existe unha importante poboación de corvo mariño cristado (Phalacrocorax aristotelis), andurón real (Tachymarptis melba), gaivota patiamarela (Larus cachinnans) e choia biquivermella (Pyrrhocorax pyrrhocorax).

[editar] Toponimia

Foi o Padre Sarmiento, que as denomina Cisargas, o primeiro en lanzar a hipótese de que o nome das Sisargas estaba referido a Xulio César, quen como é sabido cara o ano 60 a.C., apresentouse na Gallaecia, e submeteu a súa parte Norte, aparecendo entre os ártabros, aos que, segundo as crónicas romanas, aterrorizaría con as súas naves, polo que se submeterían de contado aos romanos. Esta hipótese supón que o seu nome latino sería *insulas Caesaricas, en acusativo plural, develando o estadio lingüístico actual a influencia seseante.

En relación con isto, Rodríguez Bordallo e Ríos Graña sosteñen que aquí estivo localizado un dos grupos das Aras Sestianas, en concreto os citados por Ptolomeo como "Sestíou bomoí" : "tres altares de Sestíos".

Con todo, o máis coherente e aceptado hoxe en día, é que proveñan dunha raíz hidronímica indoeuropea *Eis- 'fluir', en grao cero *Is-, dunha forma *Illas Isargas ( de *Insulas Isáricas). O S- non sería máis que a deglutinación do -s final de Illas. Da mesma productiva raíz veñen tamén o nome do río Ézaro (de *Ísarus) e moitos outros hidrónimos galegos e europeos.

[editar] Véxase tamén

Parque Nacional das Illas Atlánticas

[editar] Bibliografía

  • Otero Pedrayo, Ramón, Guía de Galicia. Galaxia. Vigo. 1954.
  • Rodríguez Bordallo, Ramón e Ríos Graña, Ana María, El simbolismo, la localización y el número de las Aras Sestianas, in Actas del II Coloquio Galaico-Minhoto. I volumen. Xunta de Galicia. Santiago. 1984
  • Sarmiento, Martín, Onomástico etimológico de la Lengua Gallega, 1757. Edic. de J. L. Pensado Tomé, vol.I. Salamanca. 1998.
Your Ad Here