Galicia
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
- Para outras páxinas con títulos homónimos véxase: Galicia (homónimos).
|
|||||
| Capital | Santiago de Compostela | ||||
| Linguas oficiais | Galego e castelán | ||||
| Cidade máis poboada | Vigo | ||||
| Superficie
|
Lugar nº 7
|
||||
| Poboación
|
Lugar nº 5
|
||||
| Taxa de natalidade (2005) Taxa de mortalidade (2005) |
7,6 por 1000 10,5 por 1000 |
||||
| Esperanza de vida ó nacer (2005) Homes Mulleres |
80,1 anos 77,1 anos 84,4 anos |
||||
| Xentilicio - galego |
galego |
||||
| Estatuto de Autonomía | 6 de abril de 1981 | ||||
| Representación parlamentaria: - Congreso de España |
23 deputados 19 senadores 75 escanos |
||||
| Moeda | Euro (€) | ||||
| Zona horaria | UTC +1 | ||||
| Himno galego | "Os Pinos" | ||||
| ISO 3166-2 | GA | ||||
| Presidente | Emilio Pérez Touriño (PSdeG-PSOE) | ||||
| editar | |||||
Galicia[1] ou Galiza[2] é unha nación[3] establecida xurídica e administrativamente como Comunidade Autónoma con estatuto de "nacionalidade histórica" segundo a Constitución española e o seu Estatuto de Autonomía (ver Estatuto de Galicia) dentro do Reino de España. Está situada no extremo noroeste da Península Ibérica e linda, ao leste, con Asturias e Castela e León, ao oeste co Océano Atlántico, ao norte co Mar Cantábrico e, ao sur coa República de Portugal.
Ten como lingua propia o galego, similar e de orixe común co portugués, e comparte oficialidade co castelán, que é oficial en todo o estado español.
A consideración de Galicia como nación e unha procura constante dun maior grao de autogoberno son defendidas por un número significativo de cidadáns. As tendencias nacionalistas, e mesmo as non-nacionalistas, en Galicia son, na súa meirande parte, de tipo federalista, isto é, a formación dunha federación co resto dos actuais territorios españois ou peninsulares. Ademais, tamén existen grupos independentistas.
Galicia posúe uns 2,77 millóns de habitantes (2007), cunha distribución poboacional que aglomera a meirande parte na franxa entre Ferrol e Vigo. Santiago de Compostela é a capital cun estatuto especial, dentro da provincia da Coruña.
Índice |
Denominación
Na Antigüidade os gregos a chamaban "Kallaikia" (καλλαικια) e aos seus habitantes "kallaikoi" (καλλαικoι), que era o nome co que os habitantes da cultura castrexa se coñecían a si mesmos. O topónimo evoluíu a "Gallaecia" baixo a administración romana. Na época medieval constituíuse como reino independente, co nome de "Reyno de Galicia" formando parte integrante posteriormente do Reino de León, malia manter o seu carácter de reino (Reyno de Galicia) ata a chegada do absolutismo no século XIX, momento no cal (1833) se crearon as actuais provincias galegas e se creou como tal a coroa española, unificando as diversas coroas de "las españas", que o monarca posuía. No período transicional entre a Idade Antiga e a Idade Media, Galicia foi chamada ocasionalmente Suevia debido a que este territorio foi o centro no cal se estableceron as etnias invasoras dos xermanos suevos (ou suavos).
Símbolos institucionais
Bandeira de Galicia
- Artigo principal: Bandeira de Galicia.
A bandeira galega foi creada no século XIX, e está inspirada na bandeira da Comandancia Naval da Coruña. Ten fondo branco e presenta unha franxa azul dende o ángulo superior esquerdo ata o inferior dereito.
Escudo de Galicia
- Artigo principal: Escudo de Galicia.
O actual escudo de Galicia é descrito no artigo número 3 da Lei de Símbolos de Galicia:
O escudo de Galicia trae, en campo de azur, un cáliz de ouro sumado dunha hostia de prata, e acompañado de sete cruces recortadas do mesmo metal, tres a cada lado e unha no centro do xefe. O timbre, coroa real, cerrada, que é un círculo de ouro, engastado de pedras preciosas, composto de oito floróns de follas de acanto, visibles cinco, interpoladas de pérolas, e das súas follas saen cadansúas diademas sumadas de pérolas, que converxen nun mundo de azur, co semimeridiano e o ecuador de ouro, sumado de cruz de ouro. A coroa, forrada de goles ou vermello.[4]
Himno galego
- Artigo principal: Os Pinos.
O himno galego (Os Pinos) é o símbolo acústico máis solemne de Galicia como comunidade política. O texto son as dúas primeiras partes do poema Queixumes dos pinos de Eduardo Pondal, e a música é da autoría de Pascual Veiga. Foi estreado na Habana o 20 de decembro de 1907.
Historia
- Artigo principal: Historia de Galicia.
As etapas culturais máis importantes datadas en Galicia son:
Cultura megalítica
- Artigo principal: Megalitismo en Galicia.
A primeira claramente identificada, caracterízase pola súa capacidade construtora e arquitectónica, xunto co seu sentido relixioso, fundamentado no culto ós mortos como mediadores entre o home e os deuses. Este sentido relixioso abrangue a súa importancia ata a actualidade.
Estaban constituídos en clans. Desa época dan testemuña milleiros[Cómpre referencia] de mámoas e medorras espalladas por todo o territorio.
Idade de Bronce
É nestes tempos cando se acada o desenvolvemento metalúrxico, impulsado pola riqueza mineira. Parece que debido ós cambios climáticos, varios pobos da meseta trasladáronse a Galicia, incrementando a poboación e os conflitos entre pobos.
É a época de produción de diversos utensilios e xoias de ouro ou de bronce, que mesmo foron levadas máis aló dos Pirineos.
Etapa castrexa
- Artigo principal: Cultura Castrexa.
Floreceu na segunda metade da Idade de Ferro, resultado da fusión da cultura da Idade de Bronce e outras contribucións posteriores, coexistindo en parte coa época romana. Os celtas trouxeron novas variedades de gando, o cabalo domesticado e probablemente o centeo.
O primeiro pobo celta que invade Galicia é o dos Saefes, no século XI a.C. Someterá ó Oestrymnio, pero este influirá no primeiro sobre todo no eido da relixión, da organización política e das relacións marítimas con Bretaña e Inglaterra. O seu carácter eminentemente guerreiro fixo que Estrabón dixera deles que eran os máis difíciles de vencer de toda Lusitania. Cómpre dicir que a provincia romana da Gallaecia propia dos galaicos aínda non estaba constituída política e administrativamente.
Os castros son recintos fortificados de forma circular, provistos dun ou varios muros concéntricos, precedidos xeralmente do seu correspondente foxo e situados, os máis deles, no cume de outeiros e montañas.
Entre os castros de tipo costeiro destacan o de Fazouro, Santa Tegra, Baroña e O Neixón. No interior poden mencionarse os de Castromao e Viladonga. Común a todos eles é o feito de que o home se adapta ó terreo e non ó contrario.
En canto ós templos, a única construción atopada é a de Elviña. O de Meirás conserva unha necrópole. Noutros castros existían pequenas construcións en forma de caixa onde se gardaban as cinzas (cultura sorotáptica, dos campos de enterramento de furnas ou Urnenfelder como se coñecen pola súa denominación en alemán). Existen tamén outras parcialmente soterradas, cun depósito para a auga, nas que os vestixios de lume indican que debían servir para incinera-los cadáveres.
Dende finais do Megalítico aparecen inscricións sobre as rochas graníticas a ceo aberto das que se descoñece aínda a verdadeira orixe e significado (son moi coñecidas as de Campo Lameiro).
A romanización
- Artigo principal: Gallaecia.
Os romanos someteron a Galicia para aproveita-los seus recursos mineiros. Co tempo convertiríana en provincia do imperio e recoñecerían a súa personalidade chamándoa Gallaecia. Con eles, os castros perderon o seu vello valor defensivo. Trouxeron novas técnicas, novas vías de comunicación, novas formas de organiza-la propiedade e unha lingua nova, pero foron tolerantes coa cultura existente.
O cristianismo chegaría a Galicia cos romanos. Lograría o que non acadou o latín e impúxose ó arrianismo dos suevos e ó paganismo prerromano. Os suevos, que mantiveron Galicia como reino independente cento setenta anos, foron progresivamente mediatizados polos visigodos. Foi na súa época na que se impuxeron definitivamente a lingua latina e o cristianismo, evolucionando o primeiro cara o galego e mesturándose o segundo cos costumes paganos.
O Islam chegaría ó sur de Galicia e só o norte se mantería como bastión da Reconquista ata que, logo de recupera-lo sur, este se independizara co nome de Portugal. As actividades económicas dos castrexos baséanse na agricultura e gandería-pastoril.
Idade Media
- Artigo principal: Reino de Galicia.
A aparición do sepulcro do Apóstolo 'Sant Iago' no século IX conferiulle a Galicia unha importancia clave dento do fortalecemento dos reinos cristiáns, erixíndose Santiago de Compostela como centro relixioso e destino de pelegríns que fortaleceron as ligazóns con Europa. O Camiño de Santiago converteuse nun eixo cultural polo que se espallaron, entre outros, a arte románica ou a lírica dos trobadores, facendo dela tamén un contrapeso cultural fronte ó centralismo.
Idade Moderna
- Artigo principal: Galicia na Idade Moderna.
A partir da escriturización normativa en castelán comezada por Afonso X, o galego como lingua comezou unha decadencia acelerada dentro do proceso de uniformización de España, pasando polos chamados "Séculos Escuros", nos que a supervivencia lingüística foi só oral. No século XVIII comezouse a tomar conciencia da situación de división lingüístico-social entre o pobo galegofalante e os poderosos, castelánfalantes.
Século XIX
- Artigo principal: Galicia na Idade Contemporánea.
En 1833 Galicia perde a súa representatividade como unidade administrativa e desaparece a Xunta do "Reino de Galicia". É aqui que nacen as actuais catro provincias galegas que estruturan o territorio baixo administración do goberno central. Atopamos neste século o primeiro xurdimento dun movemento político que vai defender Galicia por causa desta perda de poder.
O pronunciamento de Solís vai levantar en armas a unha parte do exército para defende-la unidade de Galicia contra a perda da desa administración anterior. Finalmente foron masacrados na batalla de Compostela e o 23 de abril de 1846 fusilados os sobreviventes, coñecidos a partir de aí coma os Mártires pola Liberdade ou Mártires de Carral.
O Rexurdimento supón unha tentativa culturalista de defensa da galeguidade posterior a esa tentativa política o afianzamento da conciencia de diferenciación cultural parella a un ideal político de autopertenza. Isto supón a recuperación da lingua galega como vehículo de expresión culto. Desta época son Rosalía de Castro, Murguía, Manuel Leiras Pulpeiro ou Eduardo Pondal, entre outros.
Século XX
Logo do provincialismo, federalismo e rexionalismo do século anterior, xorde a etapa da Solidaridad Gallega, de 1907 á Primeira Guerra Mundial, co obxectivo de conseguir unha fronte electoral unida para eliminar o caciquismo e acadar unha representación galega (o que se saldou cun fracaso).
Unha primeira etapa, ata Primo de Rivera, é a marcada polas Irmandades da Fala, cunha preocupación fundamental pola defensa da lingua. Ao estendérense, vai callando de novo a idea política do galeguismo. Así, Vicente Risco e Otero Pedrayo traballaron no aspecto cultural e tiveron contraparte no aspecto político en Porteira e Lois Peña Novo. O relevo constitúeo a chamada 'xeración Nós', en torno á revista do mesmo nome, acompañada de 1920 á Segunda República por unha preocupación pola creación dun galeguismo controlado e instrumental desde o poder político central.
Na Segunda República hai dúas tendencias fundamentais: a correspondente á Organización Republicana Gallega Autónoma (ORGA) e a contraparte no Partido Galleguista (PG). O PG xorde da unión de varias tendencias representadas nas figuras de Vicente Risco, R. Otero Pedrayo, Ramón Cabanillas, Suárez Picallo, Castelao... En 1936 o PG, para lograr o estatuto para Galicia, aliouse coa Frente Popular e a resultas desa alianza sufriu unha escisión. Porén, logrouse o Estatuto e Castelao presentouse a Cortes pouco antes da Guerra Civil española.
Franquismo
Durante o franquismo, cualificado por Celso Emilio Ferreiro de "longa noite de pedra", sucedéronse diferentes etapas represivas coas ideas galeguistas, a partir da loita armada de moitos galeguistas en contra de Franco.
Na posguerra créase en Bos Aires o Consello de Galicia, comandado por Castelao e Suárez Picallo. No ano 1944 sae do prelo Sempre en Galiza, guía ideolóxica do galeguismo. Pouco a pouco vaise optado polo mantemento dunha acción cultural, como manifesta a creación da editorial Galaxia.
No ano 1964 fúndanse a Unión do Pobo Galego (UPG, partido nacionalista de esquerda revolucionaria segundo o definiu Méndez Ferrín) e o Partido Socialista Galego (PSG, con X. M. Beiras e Salvador García-Bodaño).
En democracia
Cronoloxía (dende a democracia en España):
- 1975: Constitución da Xunta Democrática de Galicia.
- 1976: Constitución da Táboa Democrática de Galicia.
- 1977: Constitución da Asemblea de Parlamentarios de Galicia.
- 1978: Xunta Preautonómica presidida por Antonio Rosón Pérez.
- 1979: Xunta Preautonómica presidida por Xosé Quiroga Suárez.
- 1980: Referendo do Estatuto de Autonomía. Aprobado facendo referencia á Nacionalidade Histórica.
- 1981: Primeiras eleccións autonómicas.
- 1982: Presidente da Xunta de Galicia: Xerardo Fernández Albor.
- 1987: Presidente da Xunta de Galicia: Fernando González Laxe.
- 1991: Presidente da Xunta de Galicia: Manuel Fraga Iribarne.
- 2005: Presidente da Xunta de Galicia: Emilio Pérez Touriño.
Demografía
- Artigo principal: Demografía de Galicia.
Cunha poboación estimada de 2.772.533 habitantes[5], Galicia é a quinta comunidade autónoma de España segundo poboación. A súa densidade de poboación, de 93,6 hab./km², é lixeiramente superior á media española e semellante á europea.
A historia demográfica de Galicia foi a dunha continua perda de peso respecto ao resto do estado, froito da emigración cara a Iberoamérica, Centroeuropa ou outras partes de España. Así, en 1857 a densidade de poboación en Galicia era a maior de todas as rexións do estado, e Galicia representaba o 11,49% da poboación española. Con todo, no 2006, só o 6,19% dos españois residía nesta comunidade autónoma.
A poboación de Galicia concéntrase na súa maioría nas zonas costeiras, sendo as áreas das Rías Baixas e o Golfo Ártabro (áreas metropolitanas de A Coruña e Ferrol) as de maior densidade de poboación. A cidade de Vigo, con 294.772 habitantes, constitúe a maior cidade galega, seguida das cidades da Coruña, 244.388 habitantes, e Ourense, 107.186 habitantes. Xunto estas tres cidades, Galicia conta con outras catro localidades consideradas cidades: Lugo, Santiago de Compostela (capital administrativa de Galicia), Pontevedra e Ferrol.
Así mesmo, o país conta con catro concellos con máis de 30.000 habitantes, vinte un concellos de máis de 20.000 habitantes, e trinta e cinco con máis de 10.000 mil entre os que destacan Monforte de Lemos e Lalín.
Segundo o censo de 2006, o nivel de fertilidade das galegas era de 1,03 fillos por muller fronte ao 1,38 estatal e menor á cifra de 2,1 fillos por muller necesarios para que se produza o remprazo xeracional da poboación[6]. Entre as galegas, as luguesas e as ourensás son as que menos fillos teñen, con 0,88 e 0,93, sendo as primeiras, as que menos fillos teñen en España[6]. En 2006 rexistráronse en Galicia un total de 21.392 nacementos[7], o que supón case 300 máis ca en 2005, segundo o IGE. De feito, na actualidade Galicia vive unha recuperación do número absoluto de nacementos comezado en 1999 e que está a sosterse nos últimos anos.
Malia a mellora dos nacementos, o saldo vexetativo, é dicir, a diferenza entre o número de persoas nadas e as falecidas, continúa sendo negativo en Galicia. No 2006 houbo un total de 29.389 falecementos polo que a poboación total minguou en preto de 8.000 persoas.
No tocante á esperanza de vida, os galegos teñen unha media de vida de 76,8 anos para os homes e de 84 anos para as mulleres, 7,2 máis cos varóns galegos. Dende 1981 a esperanza de vida dos galegos medrou en 5 anos, grazas á mellora da calidade de vida[8]. O avellentamento da poboación tamén se pon de manifesto no incremento de anciáns de idade avanzada que rexistra gradualmente a comunidade cada exercicio. Galicia contaba en 1991 con 300 persoas con máis de cen anos. Cinco lustros despois, a cifra medrou un 72% ao superaren o século 518 galegos.
A proporción de estranxeiros en Galicia é do 2,67% da poboación total. As nacionalidades predominantes son a portuguesa (17,93% do total de estranxeiros), a colombiana (10,93%) e a brasileira (8,74%)[9].
Concellos máis poboados
| Listaxe | Cidade | Provincia | Pob. | Listaxe | Cidade | Provincia | Pob. | Vigo A Coruña Ourense |
||
|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
| 1 | Vigo | Pontevedra | 294.772 | 11 | Carballo | A Coruña | 30.091 | |||
| 2 | A Coruña | A Coruña | 244.388 | 12 | Redondela | Pontevedra | 29.987 | |||
| 3 | Ourense | Ourense | 107.186 | 13 | Arteixo | A Coruña | 27.713 | |||
| 4 | Lugo | Lugo | 93.853 | 14 | Ribeira | A Coruña | 27.181 | |||
| 5 | Santiago de Compostela | A Coruña | 93.712 | 15 | Culleredo | A Coruña | 26.707 | |||
| 6 | Pontevedra | Pontevedra | 80.202 | 16 | Marín | Pontevedra | 26.103 | |||
| 7 | Ferrol | A Coruña | 75.181 | 17 | Cangas do Morrazo | Pontevedra | 25.402 | |||
| 8 | Vilagarcía de Arousa | Pontevedra | 36.743 | 18 | Ames | A Coruña | 24.553 | |||
| 9 | Narón | A Coruña | 36.245 | 19 | Cambre | A Coruña | 22.513 | |||
| 10 | Oleiros | A Coruña | 31.694 | 20 | Ponteareas | Pontevedra | 22.411 | |||
| Censo 2007[10] | ||||||||||
Divisións administrativas
- Artigos principais: Provincia, Comarcas de Galicia, Concellos de Galicia e Partidos xudiciais de Galicia.
Aínda que historicamente dividida en 7 provincias (Betanzos, Lugo, Mondoñedo, Ourense, Santiago, Tui e Vigo), administrativamente a Galicia actual estrutúrase en 4 provincias (A Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra), 53 comarcas, 315 concellos e 3.778 parroquias. O territorio do concello estrutúrase en parroquias e estas á súa vez en aldeas ou lugares.
Demograficamente, Galicia caracterízase pola súa alta taxa de dispersión demográfica, o que, xunto a un elevado número de poboacións, fai que un 50% das entidades de poboación de España se atopen en Galicia, ocupando só o 5,8% da superficie total. Así, calcúlase que en Galicia existen un millón de topónimos e microtopónimos[11].
Economía
- Artigo principal: Economía de Galicia.
Galicia é unha terra de contrastes económicos. Mentres a costa oeste, sede dos maiores centros de poboación, e tamén das industrias manufactureiras e de derivados da pesca, é próspera e incrementa a súa poboación, a zona rural das provincias de Ourense e Lugo basea a maior parte da súa economía na agricultura tradicional, asentada no minifundio, ou pequenas explotacións agrícolas e/ou gandeiras. O crecemento do turismo, aproveitamento forestal sostible e agricultura orgánica e natural, así como explotacións gandeiras de certo tamaño están aumentando as posibilidades da economía galega.
Aséntanse en Galicia poucas grandes industrias. Cabe contar entre elas coa planta de aluminio que a multinacional Alcoa ten en San Cibrao (Cervo), a industria manufactureira de automóbiles da tamén multinacional Citroën en Vigo, a mina e as centrais térmica e de ciclo combinado de Endesa de As Pontes de García Rodríguez, a refinería da Coruña ou os asteleiros de Ferrol e Vigo, con desigual sorte e en proceso de reconversión case continua na súa maioría desde os anos 80. Nos anos 90 unha industria galega estase a desenvolver de xeito internacional, o grupo téxtil Inditex (Zara, Pull and Bear, etc.), con sede en Arteixo.
As industrias manufactureiras de produtos agrícolas están en pleno retroceso, caendo en mans foráneas as industrias de derivados lácteos e outras sufrindo unha reestruturación, como lle pasou á antiga industria estatal 'FRIGSA' ('Frigoríficos Industriales de Galicia') que acabou sendo desmantelada e tratando de ocupar o seu lugar unha serie de empresas moito máis pequenas.
A pesca, na que tradicionalmente Galicia é unha potencia, vén mermando o número de capturas desde hai anos tanto polo esgotamento das pesquerías tradicionais como polas condicións políticas de acceso ás mesmas. Estanse comezando a desenvolver os cultivos mariños, algúns deles seguindo a liña tradicional das mexilloeiras (que aínda hoxe representan a maioría do valor de especies cultivadas) ou as cetarias.
A agricultura e gandería pasaron nunha xeración de ser practicamente de subsistencia a ser de comercialización, e seguen a sufrir cambios debido ao impacto da incorporación na UE e ás condicións de entrada. O número de explotacións agrarias está caendo rapidamente, así como se está a concentrar a cota leiteira, por citar dous indicadores.
O turismo, de desenvolvemento máis tardío cá noutras zonas da península, representa hoxe en día unha importante fonte de ingresos, coa peculiaridade de que se concentra na costa (principalmente nas Rías Baixas) e Santiago. Durante o ano 2007 Galicia recibiu 5,7 millóns de turistas, un 8% máis que no ano 2006[13], e un 11% máis que no 2005 e 2004. O turismo supón o 12 por cento do Produto Interior Bruto (PIB) galego e emprega a un 12 ou 13 por cento dos traballadores.
Xeografía
- Artigo principal: Xeografía de Galicia.
- Véxase tamén: Rías de Galicia, Montes de Galicia, Illas de Galicia
O territorio de Galicia está comprendido entre 43º 48' N (Estaca de Bares) e 41º 49' N (fronteira con Portugal no parque do Xerés) en latitude. En lonxitude, entre 6º 44' O (límite entre Ourense e Zamora) e 9º 18' O (acadado practicamente en dous lugares: cabo da Nave en Fisterra e cabo Touriñán).
Relevo
Na xeografía galega destaca o contraste entre o relevo costeiro e o de interior, máis elevado có primeiro. Tamén contrasta a morfoloxía entre as chairas elevadas setentrionais e as serras e depresións meridionais.
O aspecto orográfico que presenta Galicia no seu interior é de montañas baixas e romas, con multitude de ríos, estruturados como tributarios do Río Miño no interior, e nas cuncas atlántica e cantábrica, ríos máis curtos (en particular os que van ó Mar Cantábrico). As pendentes suaves ás veces ceden o paso a ladeiras escabrosas, como ocorre nos Canóns do Sil. Noutras zonas aparecen amplios vales, se ben son minoritarios.
A costa galega conta con 1.659 km dos que máis de 800 son cantís e 300 son de praias. A costa do país caracterízase pola presenza das rías, indentacións na costa nas que o mar anegou vales fluviais por descenso do nivel terrestre (ascenso relativo do nivel mariño). As rías están tradicionalmente divididas en Rías Altas (Ribadeo, Foz, Viveiro, Barqueiro, Ortigueira, Cedeira, Ferrol, Betanzos, A Coruña, Corme e Laxe e Camariñas) e Rías Baixas de maior tamaño, atópanse ao sur de Fisterra como punto máis occidental de Galicia (Corcubión, Muros e Noia, Arousa, Pontevedra e Vigo). Entre as Rías Altas faise decote unha división entre as denominadas propiamente Rías Altas (ó leste de Estaca de Bares) e as Rías Medias.
As rías destacan pola súa importante achega á pesca de Galicia, contribuíndo a que a costa galega sexa unha das zonas pesqueiras máis importantes do mundo.
A erosión do Océano Atlántico na costa galega tamén contribuíu á presenza de multidude de cabos entre os que destacan Estaca de Bares (punto máis ó norte de Galicia e a separación entre Océano Atlántico e Mar Cantábrico), Cabo Ortegal, Cabo Prior, Punta Santo Adrao, Cabo Vilán, Cabo Touriñán (punto máis occidental de Galicia), Cabo Fisterra, considerado polos romanos como o fin do mundo coñecido e o Cabo Silleiro que pecha polo sur a ría de Vigo.
Ó longo da costa galega atópanse pechando as rías un gran número de arquipélagos que destacan tanto polos seus fondos mariños como polas súas colonias de aves mariñas. Os principais grupos de illas son os arquipélagos de Cíes, Ons, Sálvora así como as illas de Cortegada (xunto cos tres arquipélagos anteriores forman o Parque Nacional das Illas Atlánticas de Galicia), Arousa, Sisargas e Malveiras.